Ver
Aínda case non se apagaron os ecos das habituais discusións políticas que acompañan as xuntanzas de Nadal e este 2024 chegou con medio mundo chamado ás urnas. Nos Estados Unidos xa comezaron o proceso para escoller os candidatos demócrata e republicano, o Parlamento Europeo celebrará os seus comicios en xuño, e moito antes farémolo en Galicia, onde a precampaña xa está en marcha. As desavinzas están de novo aseguradas nas conversas con familiares, con amigos, no traballo, pero por que nos alteramos tanto cando discutimos sobre política? Mónica Alzate, profesora titular na facultade de Psicoloxía da USC e membro do grupo de investigación Cosoypa, achéganos a resposta.